CO REFUXIO DE ANIMAIS COÑECEMOS AS EMOCIÓNS
03:00
A do xoves, foi unha mañá cargada de emocións.
Dende o Refugio de Animales de Cambados chegaban Olga Costa e CLAU, que conforman unha parella de traballo fantástica.
CLAU foi unha cadela abandonada que agora vive no Refuxio, adestrada para traballar en terapias con distintos grupos de persoas. Ela é castaña, de mirada intensa e escura, fermosísima e moi educada.
Tumbadiña estivo no chan, deixándose mimar. Así converteuse no centro de todas as atencións.
Olga e Clau chegaban para falarnos das emocións, das persoas e dos animais. Para facernos ver que nos parecemos en máis do que nos diferenciamos, e que un animal abandonado como Clau, pode converterse nunha gran axuda emocional para unha persoa ou unha familia. E tamén ao contrario. Os animais precísannos e senten moi parecido a nós.
Na mesma mañá, tiñamos outras dúas convidadas moi queridas. Ata a Illa viñeron dúas nenas de Down Pontevedra Xuntos, para compartir con nós a experiencia de coñecer a Olga e a Clau, e poder achegarnos un pouquiño máis a esa inclusión real tan desexada.
Pero houbo máis... Uns días antes da visita do Refuxio, organizamos unha recollida solidaria de materiais para os animais. É moi emocionante ver como as familias e xs nenxs participan coas súas doazóns.
Esta é unha mostra máis de que xuntxs, todo é máis fácil.
Recollemos moitos alimentos e produtos de limpeza, para un Refuxio abarrotado e sen apoios económicos suficientes. Emociona recordalo, e emocionaba ver xs nenxs axudar a encher o coche de Olga con todo o que alí tiñamos.
É unha fermosa forma de agradecer a visita e de recoñecer o traballo do Refuxio. A cara de Olga ao marchar co coche cheo, era de moita felicidade. A mesma que nos queda a nós, trala súa despedida.
0 comentarios